Coordinado polo CSIC, a través do IMM, Cetmar e CIM-UVigo
Co obxectivo de dar coñecer os avances realizados, o 3 de maio celebrouse en Santiago de Compostela a II asemblea xeral do Programa Complementario de Ciencias Mariñas de Galicia. Organizada polas institucións que coordinan o programa: Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigaciones Marinas (IMM), Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e CIM-UVigo, na asemblea déronse a coñecer os principais avances producidos na decena de paquetes de traballo do programa, ademais de desenvolverse dous obradoiros participativos, Política de xestión de datos e a súa valoración no Programa de Ciencias Mariñas e Acuicultura 2025-30, oportunidades de capitalización do Programa de Ciencias Mariñas.
O Programa, dotado con 10 millóns de euros, 6 achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, con Fondos do Programa Next Generation, e 4 da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo da Pesca e da Acuicultura, pretende transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando o traballo de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e diálogo do sector da ciencia e a innovación con e para a sociedade na comunidade galega, cun foco claro e estratéxico na ciencia mariña. “Busca, polo tanto, a colaboración entre a comunidade investigadora galega e o tecido social, económico e institucional das actividades vinculadas ao mar”, sinalan as e os organizadores da asemblea.
Asistentes á asemblea e comunidades autónomas participantes no programa
Na xornada, que se desenvolveu en San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), participaron ademais de integrantes das institucións e centros de investigación implicados, representantes das universidade de Santiago e A Coruña, do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (Cima) e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Illas Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa de Ciencias Mariñas no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación y Resiliencia.